Autores:
    Xoán Carlos Albarellos Codesido
    Benxamín Salgado Gómez


Licenza de Creative Commons


hr
logo CEOUG


    O presente traballo foi realizado durante
    unha licenza retribuída pola Consellería
    de Cultura, Educación e Ordenación
    Universitaria no curso 2012-2013


hr

cargando
  • CMI “A dixitalización afecta a todo o ciclo do tratamento da información: a xeración, o almacenaxe, o procesamento e a transmisión. Grazas a este cúmulo de factores, as TIC ofrecen actualmente o mesmo potencial de transformación que no seu momento tiveron a imprenta ou a máquina de vapor. O mundo volveuse dixital”. [Jordi Vivancos] Tendo en conta a importancia da competencia dixital no proceso de aprendizaxe trataremos neste proxecto de facer unha proposta concreta de traballo para o desenvolvemento de todas as súas dimensións. Ler máis
  • CMI
    Segundo o modelo deseñamos estes módulos para que os nosos alumnos e alumnas se integren como cidadáns na Sociedade do Coñecemento, e polo tanto deben ser:



    Competentes no uso das Tics.
    Competentes na procura, análise e avaliación de informa- ción.
    Competentes na xeración de contidos multimedia.
    Capaces de contribuír cos seus propios contidos así como colaborar no filtrado de contidos relevantes para a súa comu-nidade.
    Competentes na toma de decisións e na resolución de problemas. Ler máis
  • CMI NIVEIS: 3º ciclo de primaria.
    ÁREA MARCO: Coñecemento do medio.
    O proxecto, pensado como modelo, intenta exemplificar diferentes metodoloxías de traballo. Tendo como marco a área de coñecemento do medio concreta cinco propostas prácticas no desenvolvemento da competencia dixital para cubrir durante a escolarización no terceiro ciclo de primaria. Establecemos, como orientación, en cada módulo os destinatarios/as das actividades, por cursos (5º ou 6º), pero será o profesorado que as aplique o que decida en que momento do ciclo lle poida resultar máis operativo o seu desenvolvemento, segundo a súa programación. Ler máis
  • CMI A mochila dixital Ademais de todos os recursos comprendidos en cada módulo, neste primeiro, guía do proxecto, aportamos a "mochila dixital" como compendio de ferramentas útiles para o traballo cotián coas TIC. Os módulos teñen todos unha estrutura semellante, aínda que a proposta concreta de traballo é diferente. Compre salientar que a web, os seus documentos e recursos, son para o profesorado. O feito de incluír os escritorios virtuais pretende favorecer a organización de recursos para que sexa máis doada a localización e estruturación dos mesmos para o alumnado. Ler máis
  • Recursos Aquí atoparás os recursos necesarios para levar a bo porto esta proposta. Recursos formativos, ligazóns a recursos e utilidaes web, documentación,... Documentación.
    Ferramentas dixitais:

    Programas incluídos no Proxecto Abalar (equipos do alumnado)
    A mochila dixital (programas potables)
    Tamén podes atopar esta documentación no escritorio virtual do proxecto.
    Ler máis

Escenario

Partimos da área de coñecemento do medio para situar e enmarcar os contidos fundamentais, pero tendo en conta o caracter interdisciplinar que posibilitarán as metodoloxías que imos propoñer en cada un dos módulos o proceso abarca outras áreas que especificaremos en cada apartado.

Pretendemos concretar nas actividades deseñadas un modelo válido (aínda que non único) para desenvolver a competencia dixital, procurando a flexibilidade do mesmo a cada realidade, proporcionándolle ao profesorado ideas e pautas concretas para situarse na aula e na práctica educativa tendo en conta as posibilidades actuais das TIC.

A proposta consta de seis módulos ou apartados, sendo este primeiro (TICD) a guía documental dos outros cinco, nos que se desenvolven realmente as propostas concretas da acción educativa.

É intención dos autores poñer en valor a importancia que ten hoxe a web 2.0 como fonte inesgotable de elementos de aprendizaxe e como espazo de encontro das múltiples e xenerosas achegas dos profesionais do ensino, así como daqueles que contribúen a crear aplicacións de utilidade directa ou indirecta para a educación. Por iso, neste proxecto, ademais dos contidos de elaboración propia, destacan os recursos e ferramentas que outros/as quixeron aportar e que todos e todas temos á nosa disposición ao alcance dun clic.

 

Competencia TICD

No seguinte cadro presentamos as dimensións da competencia dixital, segundo este proxecto. En cada un dos módulos, e no arquivo en "pdf" desta guía, aportamos os diferentes identificadores que establecemos para cada unha delas.

Aventuras na web

As palabras en cor branco e entre corchete correspóndense coa nomenclatura que utilizamos neste proxecto, e que dan pé ao título de cada un dos módulos.

RECURSOS ELEMENTAIS: "A MOCHILA DIXITAL

O alumnado que participa do proxecto Abalar está facendo uso nas aulas dunha serie de ferramentas as que se vai habituando no traballo cotián. Parécenos útil proporcionarlle as mesmas ferramentas, ou similares, para que poida traballar de xeito autónomo tamén na súa casa sen estar condicionado polo sistema operativo. Por iso aportamos, tanto para eles/as como para o profesorado os seguintes recursos:

  • Enlace ao espazo Abalar onde podemos ver, para descargar dende o xestor de programas, as aplicacións utilizadas no proxecto, nos equipos do alumnado, para o sistema Linux.
  • Paquete de software portable da maioría das ferramentas para traballar con elas no sistema operativo de Windows.


Inicio
 

Proposta

Polas súas peculiaridades nalgunha das propostas apórtanse ideas para cubrir a formación inicial do alumnado antes de abordar as actividades principais relacionadas con cada dimensión. Ademais, en todos os módulos contémplase a posibilidade de que o profesorado precise formación ou axuda técnica nas ferramentas que o alumnado terá que utilizar, polo que sempre se suxiren titoriais para as mesmas no apartado de recursos, así como o acceso a estas ferramentas da web 2.0.

O acceso a cada módulo faise dende o menú horizontal (na parte superior da web), e que se corresponden coas dimensións propostas para desenvolver a competencia dixital: TICD (esta guía e a mochila dixital), imaxe, información, comunicación, expresión e compromiso.

Cada módulo está dividido á súa vez en cinco apartados, aos que podemos acceder, dentro de cada un deles, dende o menú en acordeón da dereita, ou cando teñamos varios abertos na esquerda. Igualmente que no menú horizontal, o apartado escollido terá un resalte laranxa (e fondo gris).

Escenario: presentación do marco da dimensión a traballar.
TICD: tratamento da competencia dixital.
Proposta: introdución e elementos significativos que concretan o módulo.
Desenvolvemento: metodoloxía e actividades concretas a desenvolver.
Recursos: materiais, ferramentas, titoriais e todo o preciso para levar a cabo a proposta.

 

Inicio
 

Desenvolvemento

En concreto, as seis dimensións da competencia dixital que propoñemos traballar son:

Módulo 1: TICD. A mochila dixital.
Como xa queda recollido no escenario deste documento (primeiro punto), trátase da guía do proxecto e da dotación daquelas ferramentas dixitais necesarias no traballo cotidiá da aula, para os sistemas operativos Linux e Windows.

Módulo 2: Imaxe. Competencia en comunicación audiovisual.
Trátase de abordar a alfabetización audiovisual do noso alumnado, centrando o traballo inicial na formación en lectura de imaxes, para logo, a través da obra do pintor surrealista “Salvador Dalí” e aproveitando os contidos curriculares relacionados coa historia e a idade contemporánea, desenvolver un proceso de investigación que nos achegará ata outros artistas e outras manifestacións artísticas plásticas. Procúrase ver a imaxe con outra mirada ao tempo que aprendemos historia.
Consta de seis actividades secuenciadas.
Destinatarios/as: alumnado de 6º de primaria.

Módulo 3: Información. Competencia en manexo da información.
Esta proposta pretende facilitarlle ao alumnado os recursos, pautas e criterios suficientes para manexarse no mundo da información dixital, para ser quen de xulgar a validez, pertinencia e actualidade da información, así como de realizar procesos de investigación sistemáticos co fin de solucionar problemas de información.
A cantidade enorme, case que infinita, de información á que hoxe temos acceso fai imprescindible este tipo de prácticas educativas.
Concrétase nunha completa “Webquest” para traballar na aula, en pequenos grupos, os contidos de coñecemento do medio relacionados coa unidade temática da prehistoria. Como queira que estes contidos pertencen ao 5º nivel de primaria incluímos unha versión máis simple da webquest para que o profesorado decida cal delas é máis pertinente para traballar. Poderíanse desenvolver en 5º a versión simple, en 6º a máis complexa e incluso é doado adaptar esta para propor en primeiro da ESO.

Módulo 4: Comunicación. Competencia comunicativa.
A comunicación é un dos elementos intrínsecos á web 2.0 que máis crecemento potencial desenvolveu nos últimos anos. As redes sociais, xunto coas ferramentas de comunicación persoal e as posibilidades multimedia da rede fana moi atractiva, pero non exenta de inconvenientes, o que fai preciso un traballo minucioso e orientativo na aula.
Propoñemos unha actividade final, de carácter motivador e ao mesmo tempo complementaria do módulo 1, consistente na elaboración por parte do alumnado dunha presentación multimedia sobre “o lugar onde eu vivo”. Para desenvolvela precisamos organizarnos, comunicarnos, estruturar materiais… e para iso nada mellor que unha rede social.
Precisamos dunha rede social, xa que logo, que coas garantías de seguridade e privacidade necesarias nos permita enfrontarnos a este proceso organizativo e creativo en pequenos grupos, e que ao mesmo tempo posibilite traballar os aspectos de comunicación, comportamento social na rede, pautas de seguridade, traballo colaborativo… Concretarase a experiencia a través da ferramenta “Edmodo” por cubrir estas necesidades.
Destinatarios/as: alumnado de 6º de primaria.

Módulo 5: Expresión. Competencia da aprendizaxe.
Expresarnos a partir do que sabemos e coñecemos. Esta é a finalidade última do módulo. Propoñemos un atractivo xogo baseado nas ferramentas de Google Maps e Google Earth (funciona en calquera das dúas) para iniciarse no coñecemento das coordenadas terrestres, e a partir das mesmas desenvolver un proceso colaborativo durante o xogo que nos permitirá aprender e descubrir moitos lugares, anécdotas, culturas...
Finalmente, e unha vez superadas todas as probas, trataríase de que o alumnado fora quen de crear, e polo tanto de expresarse, partindo do manexo da información que nos ofrece a rede, propostas de investigación similares (sen precisar ferramentas complexas) para xogar e aprender entre todos e todas. Destinatarios/as: alumnado de 6º de primaria.

Módulo 6: Compromiso. Competencia da cultura dixital.
Dicíamos con anterioridade, que o coñecemento e manexo das ferramentas dixitais e da propia rede de Internet non está exento de dificultades e certos perigos. Pois ben, propoñemos un módulo para reflexionar, debater e analizar estas situacións.
O noso alumnado precisa coñecer os límites das súas accións, esa é unha das responsabilidades que os pais, nais e o profesorado temos a obriga de exercer. Por iso precisamos tamén de recursos e ferramentas para traballar de xeito didáctico estes límites. E falando das tecnoloxías dixitais con máis razón.
Presentamos, xa que logo, unha serie de actividades para poder desenvolver “acompañando” ao noso alumnado, e co cometido de ser dinamizadores do traballo para que sexan eles mesmos os que vaian descubrindo, debatindo e creando as súas propias conclusións.
Destinatarios/as: alumnado de 5º de primaria.

Inicio Guía xeral
 

Recursos

Documentación
  • Guía xeral do proxecto (pdf) Acceso á plantilla
  • Referencias sobre estándares TIC Acceso á plantilla

Ferramentas
  • Programas para Linux incluídos no Proxecto Abalar Acceso ao titorial
  • Mochila dixital Acceso ao titorial

    Sobre os escritorios virtuais:
  • Exemplo de utilidade no ensino: Letras Galegas 2013 Acceso ao titorial
  • Titorial Netvibes Acceso ao titorial

  • Recoñecementos Acceso á documentación

 

Tamén podes atopar esta documentación no escritorio virtual do proxecto.

Inicio Escritorio Virtual